Saturday 04 de May de 2024

Bouza censura que o PP se opoña á declaración de Santiago como zona tensionada “o señor Verea só responde ao mandato do señor Rueda, en contra dos intereses da veciñanza compostelá”


Reivindica o compromiso de José Ramón Gómez Besteiro para impulsar esta declaración cando sexa presidente da Xunta

“É fundamental establecer un tope á vivenda que tanto lle preocupa á mocidade e ás familias de Compostela” insiste.

O pleno da Corporación Municipal acordou este luns instar á Xunta de Galicia a declarar Santiago de Compostela como zona de mercado residencial tensionado co obxectivo de “mellorar a oferta de vivenda en Santiago establecendo, por exemplo, un límite aos alugueiros”. A proposta socialista foi apoiada por BNG e CA, mais contou co voto en contra do Partido Popular nun novo exercicio, denuncian desde o PSOE, “de oposición aos dereitos e intereses da veciñanza compostelá”.

O secretario xeral dos socialistas en Santiago criticou este martes a actitude do portavoz dos conservadores ao que acusou de estar sometido ás ordes do Partido Popular de Galicia “só responde ao mandato do señor Rueda”. Aitor Bouza insistiu na importancia desta declaración posto que, dende 2017, lembra, o alugueiro aumentou en Santiago en 150 euros mensuais.

Así, Bouza reivindica o compromiso do Partido Socialista que, con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta, a partir do 19 de febreiro, “Compostela será declarada zona tensionada para poder establecer un tope á vivenda que tanto lle preocupa á mocidade e ás familias de Santiago”.

Entre as xustificacións que Borja Verea empregou para votar en contra da declaración de zona tensionada estivo a ocupación. Algo que, critica Bouza, “demostra a falta de proxecto do PP para Santiago e para Galicia” xa que lembra que as taxas reais de ocupación “supoñen só o 0.19 dos delitos cometidos”: “polo tanto, menos fume e máis propostas reais e efectivas para solucionar os problemas reais da veciñanza”.